A destrución do castelo: a Gran Guerra Irmandiña

Composteláns, campesiños, cabaleiros e eclesiásticos reúnense en Santa Susana, unha carballeira ás portas de Santiago, e marchan contra o castelo.

O derradeiro gran episodio bélico que afectou ao castelo da Rocha e causa principal da súa desaparición tivo lugar no ano 1467. Malia o monumental despregue tecnolóxico, orgullo dun mundo medieval en transición á modernidade, o castelo caeu diante da carraxe e a desesperación do pobo en armas.

Durante dous séculos, a fortaleza foi o símbolo de todo un sistema sociopolítico. Pero tamén foi un xigante con pés de barro, porque o sistema de explotación feudal estaba baseado na coacción, represión e inxustiza. E contra a inxustiza nada fixeron murallas, lizas, bestas e bombardas. Convocados no Outeiro de Santa Susana, composteláns, campesiños, aos que se unen tamén algúns cabaleiros e mesmo eclesiásticos, forman Irmandade e diríxense cara a Rocha, coa intención de atacalo e derrocalo definitivamente.

Non temos noticias precisas de como se desenrolaron os combates, pero a arqueoloxía permítenos ver que foron moi intensos: lume para destruir o interior da fortaleza e debilitar as murallas, constante cruce de setas de bésta e bolaños de trabucos... cargados do fastío e a xenreira de anos e anos de abusos e atropelos. Abusos dos que se queixaran ao Señor, que os levaron a acudir en solicitude de auxilio ao rei e, finalmente, a tomar a xustiza polas súas mans.

As torres e murallas da Rocha caeron e o castelo quedou ferido de morte na Gran Guerra Irmandiña. 

Algo non funciona ben?