Evidentemente o da Rocha non é un castelo marítimo, mais non se pode entender sen a súa conexión coas Rías Baixas. A mitra compostelá ergueu este monumento para defender os seus intereses políticos con respecto ao concello santiagués, pero tamén para rendibilizar os beneficios econónimos. Sitúase nunha encrucillada da circulación por terra cara ao sur (o Camiño Portugués) e cara ao oeste.
Noia, Padrón, Rianxo e Pontevedra eran os portos de entrada dos produtos que viñan por mar, tanto peixe e marisco das rías como mercadorías de prestixio procedentes do mar do Norte e do Mediterráneo. A enseada de Rianxo, controlada polo arcebispo dende o Castelo da Lúa, era a zona ostreira por excelencia de Galicia.
Unha das rotas que puido seguir o peixe dende a costa até Compostela é ascendendo o río Ulla, navegable naquel entón, e onde está situado o castelo do Oeste, onde tamén se atoparon restos de peixe en escavacións arqueolóxicas.
Pero polo mar non só chegaban alimentos cobizados, senón tamén ideas, persoas e mercadorías de luxo. As escavacións arqueolóxicas achegan evidencias materiais dun importante comercio a longa distancia. Na época baixomedieval, as Rías Baixas e Altas galegas eran o epicentro do comercio entre o Atlántico e o Mediterráneo.
As industrias pesqueiras galegas tiñan contactos con centros mercantís da Coroa de Aragón, sobre todo co porto de Valencia. Durante o traxecto, os barcos galegos facían escalas en portos intermedios, coma o de Sevilla. Neles, os galegos vendían a súa pesca e salgados e mercaban obxectos de luxo de difícil adquisición en Galicia, como a vaixela decorada de Manises e Paterna.