Temos poucos datos acerca da construción do castelo e, moitos deles, son indirectos e mesmo confusos. Mais hai consenso sobre a atribución da fortaleza ao arzobispo Xoán Arias. Disto falan documentos posteriores pero, sobre todo, textos da súa época que xa mencionan unha residencia arcebispal na Rocha.
A diferenza dos seus sucesores no cargo, o arcebispo Xoán Arias non contou (que se saiba) con cronistas que recollesen as súas accións de goberno, aínda que si conservamos outros documentos nos que quedou rexistrada a existencia do castelo. A primeira referencia aparece en 1253, nunha sentenza de Afonso X con motivo dunha querela entre o arcebispo e o Concello de Santiago polo exercicio da xustiza e as novidades que quería introducir Xoán Arias:
«Otrosy, querelaron los pesoneros sobredichos del Conceyo de Santiago que se alguno de la uila ha preyto con otro, primeyramiente es tenudo de Responder por ante los juyzes de la uila; et agora que uos, que ante que nenhun juyzo sea dado, aquelos que queredes sacadelos delante los juyzes, et fazedelos yr ante uos a Rocha forte; et que en esto le quebrantades su uso et so custumbre; lo que nunca fué».
Fueros municipales de Santiago y de su tierra, Antonio López Ferreiro, páxina 238.
«Ademais, protestaron os ditos persoeiros do Concello de Santiago que se alguén da vila ten preito contra outro, primeiro ten que responder perante os xuíces da vila; e que agora vostede, antes de que haxa sequera xuízo, sácaos de xuízo e lévaos perante vostede á Rocha Forte, e que ao facer así quebranta vostede o seu uso e costume, e que nunca tal foi».
Tamén sabemos que o castelo xa estaba habitado no ano 1255, segundo recollen as constitucións capitulares sobre o coro e o cabido:
«Statuimus etiam de personis et canonicis, maniapaniis, duplaris morantibus nobiscum apud Rocham Fortem, quod eant ad processiones diebus dominicis solemnitatibus. Et si yuerint ad Ciuitatem Compostellanam ante prandium veniam ad maiorem missam. Si post prandium veniam ad uesperas sive completorium in quadragessima».
Recollido en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, Antonio López Ferreiro, 1898, tomo V, número XXX, páxina 81.
«Mandamos tamén que as persoas, cóengos, racioneiros e dobreiros que viven con nós na Rocha Forte vaian ás procesións os domingos e nas solemnidades. E se veñen á cidade compostelá antes do xantar deben vir á misa maior. E se veñen despois do xantar, deben vir ás vésperas ou as completas na Coresma».
Outra referencia témola no testamento de Xoán Arias, que data do ano 1266, e no que sinala o Castellum de Rocha Forte como ben incorporado á mesa arcebispal.