Mini o Vello

Asaltado no río Sar, testemuña no preito Tavera-Fonseca.

  • Nome Mini o Vello
  • Século XV
  • Foi Barqueiro
  • Fernando de Mini O Vello, mariñeiro e barqueiro de Vilanova de Arousa, testemuña no preito Tavera-Fonseca cando xa acadara unha avanzada idade. 

    Representa un oficio fundamental na Galicia medieval, hoxe esquecido: o de barqueiro. Encargados de transportar mercadorías entre a costa e o interior, aproveitaban as rías e os cursos dos ríos navegables que desembocan nelas. Eran un complemento moi importante ás comunicacións terrestres. 

    Exercía o seu labor fundamentalmente na ría de Arousa e o río Ulla, unhas das vías claves para o acceso a Compostela de produtos do mar e mercadorías de fóra do país. Protexida e controlada polas Torres de Oeste de Catoira e con parada en Padrón, a rota subía polo val do Sar ata Compostela, pasando polo portádego do castelo. Na súa testumuña relata que, cando ía cara a Padrón levando sal, foi abordado dende as Torres do Oeste, e esixíronlle a entrega do peixe que supostamente levaba.

Algo non funciona ben?