Pía de auga bendita

Celebracións litúrxicas na capela de Santa Eufemia.

Pía de auga bendita

Grande parte do sitio arqueolóxico da Rocha Forte estaba cuberto polas pedras procedentes das paredes das torres e murallas do castelo. Neste impresionante derrubo, esparexíanse polo chan perpiaños de granito, bolaños de artillería e algunhas pezas esculpidas con cicel. Cada unha desas pedras ten unha historia e unha función diferente. Concretamente a que vemos na imaxe é un anaco de pía de auga bendita.

O seu uso continuado no tempo amósase na cara interna, desgastada e puída pola acción da auga. Este pequeno fragmento escultórico, coa típica decoración a xeito de vieira, remítenos a un dos misterios da fortaleza aínda non desvelados pola arqueoloxía: a localización da capela do castelo. Na documentación do preito Tavera-Fonseca existen referencias á alcumada torre de Santa Eufemia, na que estaba a igrexa con advocación a dita santa. As testemuñas fornecen distintas versións, xa que algunhas sinalan que a ermida estaba na torre homónima, outras por debaixo dela e outras sitúana xenericamente no interior do castelo.

As recentes escavacións arqueolóxicas non permitiron clarificar a ubicación do edificio relixioso, xa que non se atoparon alicerces nin estruturas vencelladas á capela no espazo emprazado a rentes da antedita torre. Esta circunstancia mantén aberta as hipóteses de que a ermida estivese integrada, quizabes, como dependencia propia no interior da torre da homenaxe. Neste contexto, a capela era o centro simbólico do recinto. Debido á convulsa situación política, o arcebispo pasaba longas tempadas no castelo, onde se levaban a cabo celebracións litúrxicas ás que acudían a nobreza e a comitiva do prelado

  • Fragmentos da pía de auga bendita

    Fragmentos da pía de auga bendita

    Imaxe do equipo da escavación. 

Algo non funciona ben?