O que máis chama a atención da Rocha é a cantidade inxente de proxectís de catapulta ou trabuco que se espallan polo xacemento arqueolóxico, disparados por sitiadores e defensores do castelo. O peso dos pelouros de pedra vai dos 150 kg ata os 5 kg, o que nos remitiría ao uso tamén de pasavolantes e bombardetas.
A loita medieval non se baseaba no combate corpo a corpo, por máis que a literatura cabaleiresca o idealizase. O primordial era a conquista dos enclaves fortificados, a destrución das defensas, o derrubo de torres e o acceso ao interior das prazas fortes. Aí aparece o uso das máquinas de guerra: catapultas ou trabucos para lanzar pelouros de pedra cos que fender as murallas do castelo, ou para responder dende el e romper o cerco do inimigo.
Estas máquinas de guerra tiñan un poder moitas veces disuasorio, polo que a súa presenza xa levaba en ocasións a que os defensores entregasen o castelo sen opor resistencia. Aínda hai outro enxeño militar usado nos asedios e do que tamén temos constancia na Rocha: a torre de asedio ou bastida. Unha torre movible, feita de madeira, coa que poder chegar á altura das murallas e acceder ao interior das fortalezas.
Estes pelouros correspóndense unicamente cos ataques finais dos Irmandiños contra a fortaleza. Tamén houbo armamento de artillería activado con pólvora, sobre todo bombardas e falconetes. Armas de vangarda e outras máis básicas e primitivas convivían nas batallas desta época. Atacantes e defensores a miúdo botaban man de coios, que tamén se recolleron a eito nas escavacións.