O s. XIV foi tamén unha época de fonda crise económica, debido en parte á caída demográfica que trouxo o espallamento da Peste Negra. No reino de Castela e León a situación agravouse coa inestabilidade política e a guerra civil que entronizou a dinastía dos Trastámara. Nesta época de crise, a fortaleza da Rocha Forte desempeñou un papel sobranceiro como alfándega, portádego e instrumento de control fiscal. O diñeiro recadado para a mitra compostelá gardábase dentro da fortaleza.
Nas escavacións arqueolóxicas atopáronse varias moedas da época, que nos serven para datar a ocupación do castelo. A máis antiga é un óbolo de Afonso X o Sabio (1252-1284) e a máis moderna un ceití de Afonso V o Africano (1438-1481). Esta moeda portuguesa chegou aquí co trafego comercial a longa distancia: o castelo controla a chegada do camiño portugués a Compostela. De feito, o ceití é a moeda foránea máis documentada no reino de Galicia durante o s. XV.
Entre as moedas documentadas destaca este conxunto de brancas (alma de cobre e branqueamento de prata) do rei Henrique III (1390-1406). Estas moedas recollen no anverso a representación esquematizada dun castelo con tres torres ameadas e un león no reverso, os emblemas dos reinos de Castela e León. Unha delas amosa un burato de devaluación, boa mostra da mala situación da economía do momento. Estas moedas foron acuñadas en Cuenca, Toledo, Sevilla e na vila de reguengo da Coruña, cuxo símbolo era unha vieira.
Unha moeda atopada na Rocha, un cruzado de Henrique II, semella confirmar a hipótese de que a fortaleza serviu durante un tempo de ceca para acuñar moeda real, algo que si se facía en Compostela (rúa da Moeda Vella). Dende logo, a fortaleza era un lugar seguro para acuñar a moeda, o sostén da estrutura política baixomedieval. Serían estas moedas parte do botín das falcatruadas dos soldados da Rocha? ou o pagamento por liberar prisioneiros? o froito da extorsión ao campesiñado? parte da soldada que se lles pagaba aos profesionais da guerra?