Esta chave apareceu nas recentes escavacións arqueolóxicas do castelo. Sería a chave que abría a porta da capela de Santa Eufemia? Ou sería a chave que daba acceso a unha estancia nobre da torre da homenaxe? Sexa como for, este obxecto estanos a falar dun concepto moderno do uso do espazo doméstico.
A elite social baixomedieval vivía en residencias nas que se materializaba un control estricto do acceso ás dependencias. A diferencia do espazo comunal, multifuncional, que definía a vivenda doutras clases sociais coma o campesiñado, fortalezas coma esta amosan a vixencia de ideas como a intimidade, privacidade ou uso diferenciado das estancias. Cómpre non esquencer que o castelo obedece a un modelo arquitectónico concéntrico, con tres recintos murados que se van sucedendo dende o exterior (o espazo máis público) cara ao interior (o espazo máis privado). Doutra volta, a fortaleza era un recinto onde se exercía a violencia, física e simbólica. Os documentos falan de secuestros de persoas polas que os soldados da Rocha solicitaban rescate. Xa que logo, esta chave podería estar relacionada tamén coas mazmorras da fortaleza. Tamén se rexistraron na escavación feches e argolas de diverso tamaño.
Moitos segredos garda esta chave, como o propio castelo que, pola súa vez, era a chave para o control da cidade de Compostela.