Capitel do s.XIII

Un dos poucos elementos da primeira etapa do castelo.

Capitel do s.XIII

Apenas contamos con documentación escrita e con restos arqueolóxicos que nos remitan ás orixes do castelo, polo que é bastante complexo reconstruír a súa fisionomía orixinal. Probablemente foi o arcebispo Xoán Arias quen mandou construír esta residencia fortificada, no marco dun boom construtivo que supuxo tamén o inicio das obras dunha frustrada catedral gótica e a reforma do refectorio de Xelmírez. A diferenza doutros arcebispos seguintes, Xoán Arias non contou con cronistas que deixasen testemuño das súas accións de goberno. 

As escavacións arqueolóxicas forneceron poucas pezas adscribibles á segunda metade do s. XIII e á súa configuración inicial, agás algunhas moedas de Afonso X O Sabio e o capitel que vemos na imaxe. Trátase dunha peza ornamental que segue o modelo estilístico chantado pola escola do Mestre Mateo e que tivo longa perduración en Galicia até praticamente a chegada do Renacemento.

Dende o punto de vista da Historia da Arte, o castelo de Rocha Forte amosa ese conflito entre a tradición románica galega e a innovación que trouxo o gótico. De feito, a fortaleza pode ser considerada coma un dos grandes castelos góticos da Península Ibérica.

Algo non funciona ben?