As dependencias do castelo estaban protexidas por un forte recinto amurallado, que tiña a entrada principal situada na cara noroeste. A muralla tiña catro torres circulares (unha en cada unha das esquinas) e tres torres cadradas, unha en cada un dos muros, agás no noroeste, no que se atopaba a entrada.
Tanto as torres como a muralla houberon de ter saeteiras nas paredes e merlóns no remate superior, e por detrás deles pasaría o camiño da rolda.
Algunhas testemuñas do preito Tavera-Fonseca fan referencia a outras dúas cercas que arrodearían concentricamente a primeira, pero a arqueoloxía só nos permitiu constatar a existencia dunha delas, que contorna a muralla reproducíndoa cun muro máis baixo. Trátase do que se coñece como antemuralla ou falsabraga: a súa función era protexer a muralla interior dos ataques da artillería, os proxectís de pedra e dificultar aínda máis o acceso.
A liza ou espazo baleiro que queda entre estas dúas murallas, foi empregada como vertedoiro, de aí que nela se recollese abondoso material arqueolóxico.