O castelo ergueuse cunha función clara: o dominio señorial do territorio. A súa localización, a poucos quilómetros da sé apostólica, converteuno en residencia arcebispal de urxencia en momentos de crise. Un lugar onde facer fronte á agresión ou oposición dos composteláns. Pero A Rocha tamén era o centro do control administrativo do señorío, portádego, lugar para o pagamento de impostos polas mercadorías que entraban en Compostela e posto de vixilancia dos camiños cara aos portos de Padrón e Noia.
A multifuncionalidade desta arquitectura monumental está fóra de toda dúbida pero, por riba de todo, era unha impresionante instalación militar concibida como escenario defensivo para a guerra. O castelo-residencia da Rocha Forte era unha ferramenta arquitectónica para lembrar, no día a día, quen gobernaba vidas e facendas.
Na Baixa Idade Media, época en que se construíu a Rocha, Santiago asistiu a unha inxente expansión da peregrinación, co aumento de peregrinos de todas as procedencias pero cunha especial incidencia nos do norte de Europa que chegaban polo mar. Medra tamén na súa definición social: dende pobres até a máis alta nobreza e, nalgún caso, a realeza, pasando por todos os estratos intermedios da sociedade do momento, cunha significativa presenza de comerciantes.