O preito Tavera-Fonseca: as testemuñas

Un documento que recolle as lembranzas de 183 persoas que viviron antes da destrución e o espolio do castelo.

A historia contrafactual consiste en imaxinar supostas realidades do pasado que non tiveron lugar. Imaxinade que o tremor de terra de Lisboa de 1755 destruíse para sempre a catedral de Santiago. Agás algún gravado ou plano arquitectónico que se conservase, só quedaría a memoria viva da xente para reconstruír a fasquía do templo.

Isto foi exactamente o que aconteceu co castelo da Rocha Forte. Un tremor social rematou coa fortaleza de xeito traumático. Os irmandiños non deixaron pedra sobre pedra, tal era a xenreira que sentían por este símbolo da opresión feudal. Pero a época das Irmandades tamén supuxo a fin do mundo que o castelo representaba. Trala pacificación do Reino de Galicia polos Reis Católicos, aquel tempo de bispos guerreiros e loitas entre concellos e señores pasou á historia. Unha vaga lembranza quedáballes aos máis vellos e ás máis vellas do lugar.

A comezos do século XVI, un litixio pola propiedade dos castelos da mitra compostelá fixo que os escribáns e notarios do tempo puxesen por escrito as declaracións de octo e nonaxenarios que viran cos propios ollos o castelo da Rocha Forte en todo o seu esplendor. Este preito coñécese co nome de Tavera-Fonseca.

Algo non funciona ben?