A guerra de asedio

Catapultas, bombardas e enganos para facerse co castelo.

As Gesta Berengari, en galego  Feitos de Berenguel , permítennos saber como funcionaba o castelo durante a guerra. Así, na desputa entre o arcebispo e os cidadáns, aprendemos que esa guerra se baseaba principalmente no asedio a enclaves fortificados, ben sexan cidades ou vilas, fortalezas ou torres.

Na guerra, neses tempos, refugábanse as batallas a campo aberto e non foron a fórmula principal de dirimir desputas. No conflito compostelán de 1317, unhas veces é o arcebispo quen cerca a cidade e outras son os cidadáns os que asedian o seu castelo. A posición estratéxica da Rocha permitía enviar tropas polo val do Sarela cara ao flanco oriental ou polo val do Sar, cara ao flanco occidental da cidade. Na revolta de 1317 queda clara a vocación que tiña a fortaleza como control da cidade e de como podía dominar os seus principais accesos.

As negociacións

Outro elemento clave era a negociación, á que Berenguel e os seus adversarios acceden en varias ocasións, sen moito éxito. Ás veces, nelas empregaban o engano como arma, pois o obxectivo era capturar ao adversario. O episodio final do levantamento de 1317, cando Alonso Suárez de Deza e os outros líderes do levantamento foron executados, pertence a este grupo de negociacións enganosas.

Despois deste episodio, a Rocha comeza a súa etapa de esplendor como castelo, exercendo o papel de cabeceira militar da Terra de Santiago e como proxección exterior da catedral-fortaleza. Nel reúnense as tropas do arcebispo antes de marchar á fronte ao longo do s. XIV. O seu papel intensificouse nos tempos da guerra civil castelá, contenda á que está asociado o asasinato do arcebispo Sueiro Gómez de Toledo.

Algo non funciona ben?