Durante o s. XIX o castelo da Rocha foi sometido a un espolio sistemático e os buscadores de tesouros deixaron pegada nas vellas ruínas, mais tamén houbo eruditos que lle prestaron atención ao castelo. O crego xesuíta Celestino García Romero escribiu en 1920: [A ponte da Amañecida], acaso destruída por unha riada ou outro análogo accidente, algún dos nosos arcebispos ampliouna e repúxoa para comunicar coa cidade o castelo da Rocha que alí preto se erguía e do que xa só cascallo queda. Alí recollín hai anos anacos de tella con debuxos.
A arqueoloxía científica fixo a súa aparición na Rocha na década de 1930. Mais non se centrou no castelo, senón noutro ben patrimonial totalmente diferente: o petróglifo do Castriño de Conxo, atopado e rexistrado en 1935 por Ramón Sobrino e mailo fillo. A Comisión do Museo Arqueolóxico de Santiago, falara xa en varias ocasións de acometer exploracións en varios lugares de Galicia, entre eles, no castelo. Mais a iniciativa quedou pendente até ver a posibilidade de adquirir o terreo, que estaba en litixio.
Dende aquela, a arqueoloxía volveu desaparecer mentres seguían os ataques patrimoniais contra a vella fortaleza. En 1962 a eléctrica FENOSA instalou unha torre de alta tensión no medio e medio das ruínas. Segundo El Pueblo Gallego, os operarios que alicerzaban a estrutura descubriran un auténtico tesouro soterrado, unha escalinata abovedada e un pasadizo subterráneo, a catro metros de profundidade. O 15 de setembro de 1873, inaugurárase a liña de ferrocarril Cornes-Carril que atravesaría parte do xacemento e aproveitaría parte dos alicerces do vello castelo como sustento da nova vía.