O abandono e o espolio

A destrución provocada polos Irmandiños e o posterior espolio sistemático borrárono, case literalmente, da face da terra.

A Rocha Forte é a metáfora material dun proceso histórico marcado pola violencia, o conflito e a morte. As súas paredes viviron asasinatos políticos e guerras de asedio e, malia ser un Titanic medieval que resistiu guerras e asedios, a fortaleza foi reducida a cinzas en 1466-67. Uns anos despois da destrución do castelo, concretamente en 1472, o arzobispo ordeou a desmontaxe dos muros, que se trasladaron pedra a pedra para construír a fortaleza do Pico Sacro

Os labregos reutilizarán tamén, nos vindeiros séculos, pedras da vella fortaleza e arrimaron contra os derrubos da muralla os valados das leiras. A brétema dun pasado esquecido envolveu de lendas e misterio un lugar arredado da cidade, un espazo traumático e incómodo na historia contemporánea de Compostela. 

Durante dous séculos, entre mediados do s. XIII e mediados do s. XV, Compostela contou cunha monumental fortaleza, a máis grande do Reino de Galicia e unha das máis espectaculares da Península. Edificación impoñente, residencia arcebispal, baluarte inexpugnable, auténtica cidade fortificada… A Rocha Forte foi moitas cousas pero, ante todo, foi o espazo neurálxico da loita polo poder na Baixa Idade Media entre o concello compostelán e os arcebispos. Mais o castelo da Rocha non tivo sorte. A destrución provocada polos Irmandiños e o posterior espolio sistemático dos seus restos borrárono case literalmente da face da terra. 

Nas recentes escavacións arqueolóxicas, apareceron algúns obxectos de época contemporánea, como un colgante de San Bieito co lema vade retro Satanás, unha das pegadas que os buscadores de tesouros deixaron nas vellas ruínas.

Algo non funciona ben?