Como nestes comezos do s. XXI, o s. XIV foi tamén unha época de fonda crise económica debido, en parte, ás mortes por milleiros que deixou a peste negra. En todo o Reino de Castela e León, a situación agravouse coa inestabilidade política e a guerra civil que entronizou a dinastía dos Trastámara.
Galicia viviu dous séculos nunha guerra permanente: é un reino de carácter periférico, alonxado do poder debilitado da Coroa castelán-leonesa, que tivo que facer continuas concesións á nobreza local para manter a súa soberanía sobre o territorio. A crise económica deulle azos á nobreza para facer o que lle petase mentres a coroa miraba para outro lado coa escusa de compensarlles polo descenso das rendas impostas aos seus vasalos, perseguidos pola peste, as malas colleitas, a seca e a violencia xeralizada.
No s. XIV tamén se reactivou o conflito entre o arcebispado e concello compostelán, coa revolta de 1317-20. Esta sublevación fixo triunfar a violencia como mecanismo de resolución de desputas e así seguirá sendo até o momento culminante da Gran Guerra Irmandiña, en 1466.
Os malos usos da nobreza foron esgrimidos como casus belli no primeiro asedio á fortaleza da Rocha e conseguiu unir cidades e clases sociais (burguesía, campesiñado e pequena nobreza) na Irmandade de sublevados que acabaría por destruír o castelo. Malia o monumental despregue tecnolóxico do castelo, orgullo dun mundo medieval en transición á modernidade, a fortaleza caeu diante da desesperación do pobo en armas.