Durante a revolta urbana de 1318-20, os cidadáns atacan o castelo apoiados por Afonso Suárez de Deza, tenente das fortalezas arcebispais, e o infante don Filipe. O primeiro asedio ao castelo, no que incendian o pazo e algunhas dependencias, ten lugar en febreiro de 1319. Tras dous anos de conflitos, nos que o arcebispo non conseguirá entrar na cidade e pasará tempadas refuxiado en Rocha Forte e Pontevedra, Berenguel pon fin ao levantamento.
A revolta remata de xeito sanguinario, entremuros da fortaleza, o 16 de setembro de 1320. Homes do arcebispo asasinan a Afonso Suárez de Deza e outros once líderes da revolta urbana, e conseguen restituir o poder arcebispal en Compostela. Ao mes seguinte, como castigo aos aliados dos rebeldes, envía as súas tropas á Terra do Deza para atacar os castelos dos Churruchaos e apoderarse das fortalezas de Ponte Ledesma, Galegos, Férveda e Chapa. Tamén acabou co castelo de Felpós, base da actividade do nobre Alvar Sánchez de Ulloa.
A experiencia deste levantamento e o asedio serviu para que Berenguel se dera conta do potencial estratéxico do castelo. Por iso, decidiu reconstruilo e reforzalo para asentar o seu poder na contorna, potenciando a súa arquitectura militar e dándolle unha nova configuración, seguindo as tendencias máis innovadoras na Europa do momento. E o mesmo fixo coa catedral de Santiago, á que converteu nunha auténtica fortaleza.