Arcebispo de Santiago entre 1360 e 1366, con poder militar, foi asasinado ás portas da catedral cando chegaba da Rocha e na presencia do rei Pedro I. Castelán e de familia nobre, aliouse con Enrique II de Trastámara na guerra civil polo trono de Castela.
A súa violenta morte ten que ver co conflicto político que estaba a sufrir o reino, pero tamén cos conflictos sociais que padecía Compostela dende facía tempo e debidos á loita entre os cidadáns e o seu señor, o arcebispo, polo control da cidade.
Outro elemento engadido a este episodio e que dará lugar a lendas é o feito de que, entre os autores do asasinato, estiveran vencellados familiares de Alonso Suárez de Deza, líder da revolta contra o anterior arcebispo e que tamén fora asasinado.