As escavacións arqueolóxicas no castelo permitiron documentar numerosas puntas de frecha de arco e dardos empregados como proxectís de bésta. Algunha delas incluso conservan parte do guieiro interno de madeira.
Estas puntas de proxectil usábanse engraxadas con prebe animal, enceradas ou cubertas de aceite co fin de incrementar a súa capacidade de penetración. Miden entre 30 e 40 cm de longo e contaban con estabilizadores de coiro ou madeira, xa que as prumas de ave non resistían o empuxe que recibían cando se disparaba. Estes proxectís presentan formas pensadas para atravesar as cotas de malla e dificultar a extración unha vez alcanzado o corpo do inimigo.
Este armamento ofensivo, formado por arcos e béstas, era fundamental para o desenvolvemento das guerras de asedio. Esta é a razón de que sexan o armamento máis exhumado nas intervencións arqueolóxicas en asentamentos fortificados europeos da Baixa Idade Media. Unha idea do poder letal desta arma dánola o feito de que o papado prohibira o uso das béstas nas guerras entres cristiáns por consideralas trebellos diabólicos.
As béstas eran empregadas tradicionalmente pola infantería, o extracto social máis baixo do exército. Malia que tiña un alcance, potencia e efectividade máis grande có do arco, contaba cun potente inconvinte: a lentitude na carga entre disparo e disparo, xa que para tensar a corda compría empregar mesmo os pés. Neses intres, o besteiro convertíase nun albo perfecto.