As recentes escavacións achegan información sobre a presenza de materiais do mar no castelo. Entre as ruínas documentáronse lixeiras onde aparecen mesturados anacos de tella, ósos de animais e restos de moluscos.
O equipo arqueolóxico rexistrou unha mostra dun destes vertedoiros e envióuselle á Universidade de León para a súa análise por especialistas en arqueomalacoloxía e arqueoictioloxía. Este estudo fornece en primicia datos moi interesantes sobre o consumo destes produtos mariños no castelo. Asemade amosa o intenso trafego comercial dende as Rías Baixas até Compostela. No tocante aos moluscos, a especie que máis aparece é a ostra (Ostrea edulis), seguida de lonxe pola ameixa fina (Ruditapes decussatus) e pola ameixa babosa (Venerupis pullastra), así como de mexillón.
Por outra banda, os restos de peixe estarían formados fundamentalmente por pescada e congro. Tanto a pescada coma o congro son dúas especies de grande importancia na Idade Media. As fontes escritas testemuñan a súa presenza tamén na cidade de Compostela. Segundo o folio 87 do Tombo Vermello de Lope de Mendoza, o castelo tiña os dereitos sobre certas mercadorías mariñas que pasasen pola cidade de Santiago, como a pescada, a sardiña, o congro e o peixe fresco en xeral.
Tanto nesta coma noutras escavacións rexistrouse un detalle nimio pero moi interesante: aparecen vértebras precaudais de pescada. Sabemos que foi nos s. XIV e XV cando se comezou a retirar estas vértebras para a elaboración de salgado e secado da pescada. Polo tanto, a aparición destas vértebras é unha evidencia clara do comercio de pescadas frescas (non manipuladas) da costa cara ao interior. A presenza de peixe fresco amosa una dieta alimenticia que non estaba ao alcance da xente do común. Era todo un produto de luxo que consumía a elite social con poder adquisitivo, homes como o casteleiro da Rocha ou o arcebispo e mailo seu séquito.