O castelo da Rocha era algo máis ca unha residencia arcebispal. As fontes escritas debuxan a fortaleza coma unha auténtica cidade, na que non só residían o casteleiro, os soldados e a comitiva do mitrado. Ademais do servizo doméstico, tamén traballaban e vivían alí artesáns, ferreiros, carpinteiros e labregos. O mantemento de persoas e bestas dependía dos subministros foráneos, mais tamén da propia produción de alimentos.
Nas guerras de asedio, como as que viviu Compostela e o castelo, o control deste abastecemento era primordial para contribuír á entrega da praza. Durante os sitios, dependía do almacenamento de auga e de alimentos no interior da fortaleza. As leiras que arrodeaban a Rocha traballábanas os habitantes da zona, nos que recaían todas as cargas fiscais e malos usos da tropa do casteleiro da Rocha. Estes campesiños garantían a supervivencia, non só dos habitantes da Rocha, senón tamén de todo o sistema de explotación feudal.
As escavacións arqueolóxicas amosan evidencias materiais desta actividade de mantemento e subsistencia. Ademais das armas que nos remiten a un mundo dominado pola guerra e a violencia, no castelo aparecen tamén ferramentas agrarias coma unha moa circular de granito para moer o cereal. Durante o asedio, os habitantes do castelo non podían empregar os muíños hidráulicos emprazados nos ríos e regatos circundantes, polo que estes muíños móbiles son fundamentais para moer o cereal e facer pan. Tamén aparecen restos doutras ferramentas como o podón e o fouciño que podedes ver nas fotografías.