A finais do s. XIII comeza o consumo de cerámicas de importación en Galicia, aínda que podería ser que houbese anteriormente olaría hispano-musulmá. Todas elas son pezas relacionadas co enxoval da mesa, que destacan pola calidade estética e polas abondosas imitacións provenientes doutras rexións (catalás, sevillanas ou aragonesas). Esta louza aparece en Compostela en case todas as intervencións que afectan as áreas onde vivían as persoas máis adiñeiradas (perímetro da Catedral, rúa do Vilar, rúa de Acibechería...) mais tamén nos grandes castelos, como o da Rocha Forte.
Entre os restos aparecen obxectos importados como as xerras de Saintonge, no oeste de Francia, vencelladas ao comercio de viños de Bordeos e que indican un alto nivel de vida. As primeiras pezas que chegan ás zonas urbanas galegas e a algunha fortaleza rural proveñen do sur de Inglaterra e do noroeste de Francia e correspóndense cunha olaría de formas variadas. Sobre todo aparecen xerras, ás veces de bo tamaño, boa cocción e unha cuberta exterior vidrada en verde, da cor do mel e mesmo de varias cores. Soían ter moita decoración plástica e xogos de formas, o que denota unha preocupación estética que non se percibe na cerámica local.
A finais do s. XV comezan a aparecer pezas en gres que viñan de novo do noroeste de Francia e quizabes tamén da Renania. Ata agora só se atoparon, con seguridade, no conxunto urbano compostelán e son normalmente xerras de tamaño medio, pero tamén outros recipientes máis pequenos e moi coidados.
No s. XV chega ao seu apoxeo a louza mudéxar en Galicia. Trátase de cerámicas decoradas en azul e dourado das oleirías de Paterna e Manises, moi laboriosas aínda que pouco variadas. Predominan os pratos, escudelas e tarros, de tamaño mediano ou pequeno, algunha copa e algún canequiño para meter especies. Están decoradas con temas xeométricos simples, pero tamén abondan os motivos vexetais e algunhas inscricións góticas esporádicas do Ave María ou do anagrama IHS (Iesus Humanitas Salvador).