Ferraduras e bocado de cabalo

Os cabaleiros: a forza decisiva nos exércitos da época.

Ferraduras e bocado de cabalo

O cabalo era un ben de prestixio que confería dignidade. Velaí están as representacións do Santiago Apóstolo Matamouros, representado coma un cabaleiro en batalla. O terceiro estado, o campesiñado, tiña prohibido montar dacabalo. As bestas eran sinónimo de nobreza.

Antes da chegada da pólvora, os cabaleiros constituían a forza decisiva nos exércitos dos señores feudais e dos monarcas. Cabaleiros coma o tenente da Rocha, Sánchez Dávila, eran o brazo armado da vontade política do arcebispo compostelán. Na batalla de Altamira contra os nobres rebeldes, o casteleiro da Rocha e mailo seu cabalo resultaron feridos de gravidade, segundo contan as crónicas. Pero os cabalos tamén servían para levar a cabo auténticas razzias de pillaxe pola contorna do castelo.

No castelo aparecen ferraduras e obxectos vencellados co coidado e monta dos cabalos. Cómpre ter en conta que durante os asedios á fortaleza, estes instrumentos de guerra eran inútiles dentro do castelo e sufrían as consecuencias dos ataques. Entre elas, o de seren consumidos como comestibles. De feito, atopamos restos óseos de cabalo nos vertedoiros da fortaleza. A presenza dun monumental alxibe tamén se ten que poñer en relación coa necesaria subsistencia da cabalería do arcebispo.

  • Pechadura

    Pechadura

    © Museo das Peregrinacións de Santiago.

Algo non funciona ben?