A torre da homenaxe

Arrasada e desmontada pedra a pedra: o símbolo do castelo.

A torre da homenaxe era o núcleo do castelo e a súa peza clave, tanto a nivel funcional como simbólico. As testemuñas do preito Tavera-Fonseca falan dunha torre cadrada e de grandes dimensións, feita con perpiaños de granito e con catro pisos ou niveis cubertos por bóvedas, que lle daban unha gran altura:

«Si saven que la fortaleza de la Rocha Fuerte de a par de la çiudad de Santiago al tiempo y saçon que dicho señor Patriarca ubo el dicho arzobispado e mucho tiempo antes estaba llebantada e muy bien edificada todo de cantaria de piedra de grano con su mezcla de cal y argamasa la qual hera la mas grande y mas fuerte fortaleza de todo el Reino de Galicia e que abia en ella una bara de casa torre de menaxe de quatro bobedas y mui gruesa pared con tres çercas y ençintos alderrededor [...] Sobre la Rocha fuerte dijo que seeiendo el dicho señor Patriarca arzobispo de Santiago bido la dicha fortaleza de la Rocha Fuerte hestar llevantada e fecha e antes que fuese derribada porque estuvo dentro della una vez e que al tiempo que la bido dixo que bido que tenia una bara de casa alta que a parecer del testigo tenia tres sobrados e que tenia otras torres e no se acuerda que tantas heran e que bido ansimismo que tenia tres çercas alderrededor».

«Saben que a fortaleza da Rocha Forte, a carón da cidade de Santiago, no tempo e sazón en que o dito patriarca foi arcebispo, e aínda moito tempo antes, estaba erguida e moi ben edificada todo de cantería de pedra de gra coa súa mestura de cal e argamasa, que era a máis grande e máis forte fortaleza de todo o Reino de Galicia, e que había nela unha torre de homenaxe de catro bóvedas e paredes moi grosas, con tres valados e encintos ao redor (...) Sobre a Rocha Forte dixo que no tempo en que o devandito patriarca era arcebispo de Santiago vira a fortaleza da Rocha Forte ergueita, antes de que a derrubasen, pois estivo dentro dela unha vez e daquela tiña unha casa alta que ao parecer da testemuña tiña tres sobrados e outras torres, e que non lembra qué tantas eran, e que vira así mesmo que tiña tres valados ao redor...»

Sabemos tamén que tiña as paredes exteriores encaladas, o que servía non só para combater pestes e enfermidades pola súa condición desinfectante senón para aumentar o impacto visual da edificación. A disposición dos tres recintos murados concéntricos convertían a edificación en practicamente inexpugnable.

As ilustracións

Consérvanse poucas representacións gráficas nas que poidamos identificar a fortaleza, pero todas elas constatan que a altura da torre era moi superior á dos recintos que a rodeaban. 

Dúas das posibles representacións aparecen no Tombo B . Na primeira delas, que aparece nas marxes do documento, a torre aparece debuxada cun remate superior da torre voado sobre o corpo da mesma: unha especie de balcón corrido con matacáns, dende os que se podía ver e atacar aos inimigos, e un muro frontal rematado por ameas. Pola contra, se nos fixamos na ilustración da portada, os matacáns aparecen situados nas paredes laterais da torre, á altura do penúltimo piso, mentres que aparece simplemente co remate ameado. Tamén aparecen merlóns de remate triangular, constatados polos achados das últimas escavacións.

  • Páxina do Tombo B

    Páxina do Tombo B

    © Arquivo da Catedral de Santiago.

  • Castelo de Monforte

    Castelo de Monforte

    Imaxe publicada en Commons Wikipedia.

  • Castelo da Nogueirosa

    Castelo da Nogueirosa

    Imaxe publicada en Commons Wikipedia.

  • Castelo de Pambre

    Castelo de Pambre

    Imaxe publicada en Commons Wikipedia.

  • Bancada da torre da homenaxe e proxectís de catapulta

    Bancada da torre da homenaxe e proxectís de catapulta

    Imaxe de Cenlitrospormetrocadrado.

Algo non funciona ben?