Rocha Forte é a versión local dun tipo de fortaleza coñecida como castelo concéntrico, deseñado polos cruzados franceses para o control do territorio conquerido en Terra Santa. Seguindo este modelo, incorpora e potencia elementos defensivos como as cercas concéntricas ou a liza e a división do espazo entre os muros.
Trala primeira revolta urbana contra o arcebispo Berenguel de Landoira, o prelado decidiu reconstruir e reforzar o castelo para asentar o seu poder na contorna de Santiago de Compostela. Berenguel potencia a arquitectura militar e dálle unha nova configuración, modificando o edificio creado por Xoán Arias no s.XIII e seguindo as tendencias máis innovadoras na Europa do momento.
A reforma de Berenguel de Landoira no s. XIV deulle ao castelo a forma que se lle recoñece hoxendía: un monumental recinto con nove torres e un número ainda por definir de cercas exteriores. Entre elas, a documentación refire a existencia de todo un complexo de casas e casais, como se dunha pequena vila se tratase. Sucesivas reformas adaptaron o castelo ás novas necesidades defensivas provocadas pola irrupción da artillería, como a construción da antemuralla ou falsabraga.