O castriño de Conxo está situado entre a Rocha e a cidade de Santiago, na parroquia Santa María de Conxo, á beira da N-550 (saída de Santiago en dirección Pontevedra), a carón da rúa Volta do Castro.
É un establecemento da cultura castrexa, típica da Idade do Ferro no noroeste da península, que dá nome ao lugar aínda que a súa existencia non é moi coñecida. Agora mesmo, del só se distingue un probable recinto de forma ovalada, no que se recolleron muiños de man e cerámicas, datables entre o s.VII a.C. e o I a.C., aínda que non podemos determinar a que momento concreto pertencen dentro desta ampla etapa.
O que realmente fixo famoso ó Castriño foi a presenza dunha peculiar laxe granítica con gravados prehistóricos ou petróglifos.