O misterio da capela

Restos materiais e ningunha estructura visible.

Segundo as testemuñas do preito Tavera-Fonseca, unha das edificacións da fortaleza é unha capela dedicada a Santa Eufemia. Pero no documento ninguén cita a súa localización precisa, nin as súas características, e só se menciona a súa relación cunha das torres do castelo. Os Gesta Berengarii indican que nesta capela foi onde tivo lugar o episodio no que Berenguel pon fin á revolta compostelá de 1317-1320: o acoitelamento dos líderes da revolta, dentro do castelo, cando ían negociar a paz co prelado

A capela houbérona de construír os mesmos canteiros que traballaban no claustro da catedral e no novo pazo arcebispal, por orde de Xoán Arias, a mediados do s. XIII. Formaría parte da primeira construción feita na Rocha, algo lóxico se atendemos ao carácter residencial co que comezou tendo o castelo, e á chamada do arcebispo aos cóengos da catedral para que a compartisen con el, o que suporía actividades de carácter relixioso no edificio.

  • Restos dunha vidreira

    Restos dunha vidreira

    Imaxe do equipo da escavación. 

  • Restos dun arco con motivos vexetais

    Restos dun arco con motivos vexetais

    Imaxe do equipo da escavación. 

Algo non funciona ben?