Glosario

Termos e expresións técnicas das que se fala nesta web.

Quizais non saibas o significado de...

  • a
  • Adarve

    Conxunto de camiño de rolda e parapeto cos que se coroan murallas e torres para a protección dos defensores.

  • Amea

    Cada un dos vans ou ocos que se crean na parte máis superior das murallas e torres para poder disparar proxectís e ao mesmo tempo estar protexido. O treito macizo situado entre dúas ameas, e que lle daba protección ao defensor chámase merlón.

  • Antemuralla

    Construción defensiva levantada no perímetro dos castelos e fortalezas medievais, por fóra da muralla. Era de carácter máis baixo, e de perfil inclinado, para protexer o castelo contra a artillería pesada de catapultas e maquinaria semellante. Na Rocha Forte consérvase parte desta antemuralla ou barbacá.

  • Arcebispo

    Máxima autoridade feudal e eclesiástica en Santiago de Compostela. O arcebispo goberna unha arquidiocese, da que á súa vez son dependentes diversas dioceses (gobernadas por bispos). O territorio gobernado polo arcebispo denominábase a mitra compostelá.

  • Arqueomalacoloxía

    Ciencia que estuda os restos de moluscos atopados en depósitos arqueolóxicos. Fornece abondosa información sobre cambios climáticos, a dieta alimenticia, a economía, o comercio, os ritos, etc. Se o que se estudan son os restos de peixes, a ciencia chámase arqueoictioloxía.

  • b
  • Barroteiro

    Burato que se fai nos muros dunha construción para encaixar os traveseiros da estada, unha trabe para unha estrutura de madeira ou unha ménsula.

  • Branca

    Moeda de baixo valor realizada en bellón, unha aliaxe de cobre e prata, que se usou no reino de Castela dende Pedro I, a mediados do século XIV, e que perdurou ata tempos de Filipe II, a finais do XVI. Desta moeda vén a expresión do castelán contemporáneo "estar sin blanca", que significa non ter un peso.

  • c
  • Cabido

    Comunidade de goberno da catedral. O cabido está formado polos cóengos.

  • Casteleiro

    Persoa que, durante a Idade Media, tiña ao seu cargo a defensa dunha fortaleza como a da Rocha Forte. Álvaro Sánchez Davila foi un destes casteleiros.

  • Castelo roqueiro

    Tipo de fortaleza erguida sobre afloramentos rochosos, en emprazamentos estratéxicos como outeiros, cumios, serras ou dorsais montañosas dende os que se tiña unha ampla visibilidade sobre o territorio circundante. O aproveitamento das condicións naturais de defensa facían destes castelos auténticas fortalezas inexpugnables.

  • Ceitil

    O ceitil foi unha moeda portuguesa acuñada durante o reinado de Afonso V de Portugal. O seu nome procede da cidade de Ceuta, que daquela era territorio da Coroa de Portugal, pero os ceitís acuñábanos nas cecas de Lisboa ou do Porto. Como emblema, presenta un castelo con tres ondas debaixo e unha C gótica ao lado. En principio, valía a terceira parte dunha branca

  • Churruchaos

    Familia ou liñaxe orixinaria da comarca do Deza (na zona central de Galicia), que mantivo conflitos co arcebispado de Santiago especialmente no século XIV. Nobres da familia dos Churruchaos foron responsables do asasinato do bispo Sueiro Gómez; á súa vez, nobres desa familia foron asasinados por orde do arcebispo Berenguel de Landoira.

  • Constitucións capitulares

    As constitucións capitulares eran códigos normativos eclesiásticos de carácter económico. Establecían como había que proceder en situacións relacionadas coa percepción de rendas, co reparto de ingresos, etc.

  • Cuñeira

    Fenda ou marca que se fai na pedra cunha cuña para indicar por onde se debe abrir ou rachar. Nestes buratos aliñados os canteiros inserían as cuñas de ferro ou de madeira para romper a pedra. Tamén se poden chamar grilleiras.

  • d
  • Dominico

    Frade da orde relixiosa católica fundada por San Domingos de Guzmán a comezos do século XIII. Eran coñecidos polos seus hábitos brancos e negros. Máis información na web da orde.

  • e
  • Entullo

    Restos de pedra, ladrillo, madeira etc., que quedan dunha construción que se desfai.

  • f
  • Feitos de Berenguel

    As Gesta Berengarii de Landoria archiepiscopi Campostellani é unha crónica do bispado de Berenguel de Landoira, escrita laudatoriamente polo seu cóengo Aimerico de Anteiac, a mediados do século XIV. Pódese descargar enteira dende a web da Universidade de Salamanca. Non confundir coas Gesta Berengarii imperatoris, unha crónica do século IX sobre o reinado de Berenguel I de Italia.

  • g
  • Guerra de asedio

    Planeamento bélico estático que consiste en cercar unha fortaleza ou vila amurallada. O obxectivo prioritario é cortar o abastecemento de produtos básicos ao núcleo de poboación e así agardar a súa rendición. Se os defensores non se rendían, a guerra de asedio baixomedieval contaba con maquinaria específica como catapultas, escadas ou arietes, así como artillería con trebellos que funcionaban con pólvora como as bombardas e os falconetes.

  • i
  • Infante

    Na Idade Media, título nobiliario que concedía el-rei. Na actualidade en España só son infantes os fillos e descendentes do propio rei.

  • Irmandiños

    Revoltas medievais ocorridas en Galicia ao longo do século XV, nas que uns nobres, ás veces apoiados por estamentos inferiores, como a incipiente burguesía ou o campesiñado, se opuñan ao poder doutros nobres. A primeira revolta irmandiña tivo lugar en 1431 e a segunda, ou gran revolta Irmandiña, entre 1466 e 1469. Como consecuencia desta segunda revolta o castelo da Rocha Forte foi destruído.

  • l
  • Liza

    Espazo máis ou menos cumprido disposto ao pé do edificio central dunha fortaleza e a muralla que a rodea. Está a rentes do chan, mentres que o adarve está en altura.

  • o
  • Óbolo

    Moeda de baixo valor acuñada na época final do reinado de Afonso X O Sabio (1252-1284), monarca que tentou unificar a moeda do reino de Castela. Algunhas destas moedas saíron da ceca da vila real da Coruña, que tiña unha vieira como símbolo. 

  • p
  • Pelouro

    Proxectil esférico de pedra empregado por pezas de artillería, como catapultas.

  • Perpiaño

    Bloque de pedra de forma rectangular, con seis caras sen picar, que se cicelaba para formar parte de muros. Presenta moita máis calidade na execución cós cachotes sen traballar que conforman a arquitectura erguida en cachotaría. Na elaboración destes perpiaños centráronse os canteiros medievais que ergueron os muros de recintos arquitectónicos monumentais como catedrais e castelos.

  • Pertegueiro maior

    Nobre que tiña como función manter a orde feudal e defender os dereitos da Igrexa.

  • Petróglifo

    Gravado rupestre prehistórico. Nas proximidades do castelo da Rocha Forte atopouse un no interior do poboado fortificado do Castriño de Conxo, un poboamento da Idade do Ferro. Descuberto para a ciencia en 1935, daquela era coñecido como petróglifo da Rocha. Nese petróglifo identifícanse as figuras de varias armas, como un puñal, tres espadas, alabardas e escutiformes (figuras interpretadas como escudos, máscaras ou algún tipo de estandarte). Os especialistas non están dacordo coa cronoloxía deste gravado: uns dátano na Idade do Bronce (2º milenio a.C.) mentres outros considérano coetáneo ao castro, entre os séculos IX e V a.C.

  • Pico Sacro

    O Pico Sacro é unha montaña situada ao sueste de Santiago de Compostela, a uns 15 km da cidade en liña recta. Dende el controlábase a ruta cara a Ourense e o sur de Castela.

  • Portádego

    Imposto medieval que se pagaba para poder pasar por un lugar determinado nunha vía de comunicación, equivalente ás nosas modernas peaxes.

  • Preito Tavera-Fonseca

    Litixio que se rexistrou xudicialmente entre o arcebispo de Compostela Juan Pardo de Tavera e o seu predecesor Afonso III de Fonseca. Tavera reclamáballe a Fonseca en 1525 unha indemnización de dez millóns de marabedís polo estado de ruína en que se atopaban as fortalezas da mitra compostelá, derruídas pola revolta irmandiña e polas guerras señoriais mantidas sobre todo por Afonso II de Fonseca. Descuberto en 1922 foi publicado por vez primeira en 1984. As declaracións das testemuñas que participan no preito son unha fonte de gran valor para coñecer a fasquía das fortalezas antes da súa destrución, así como para debullar nas causas e consecuencias da gran revolta irmandiña de 1466-1467.

  • r
  • Refectorio

    Sala onde os membros dunha comunidade relixiosa fan as súas comidas. Estes comedores eran espazos nobres, moi importantes na vida cotiá de mosteiros e conventos en época medieval e moderna. 

  • Reguengo

    Pertencente al-rei. É dicir, territorio que dependía do rei, e non dun señor feudal (señorío). No caso de Santiago, o señor feudal era o arcebispo.

  • s
  • Señorío

    O territorio e as normas xudiciais e impositivas coas que un señor feudal exercía o control sobre el.

  • Seteira

    As seteiras son ocos estreitos e alongados, situados nos muros exteriores dos castelos e fortalezas medievais, e que servían para disparar coa bésta. As seteiras eran máis estreitas na parte de fóra do muro e máis abertas na parte interior, que era onde se colocaba a bésta. As troneiras, pola contra, eran máis abertas na parte exterior e máis estreitas na interior, e eran as adecuadas para disparar armas de fogo.

  • t
  • Tombo B

    O Tombo B é un cartulario composto por 371 documentos de carácter legal e notarial sobre as propiedades da catedral de Santiago de Compostela. Os documentos van do século IX ao XIV e foron recollidos polos escribáns García Pérez e Afonso Pérez entre 1346 e 1354. Pódese consultar on line.

Algo non funciona ben?