Visitas guiadas

Explora o castelo da man dunha persoa experta

Ao longo de toda a súa existencia, o castelo da Rocha Forte e a muralla da cidade de Santiago erguéronse como imaxes de poder, autoridade e confrontación no señorío da Terra de Santiago. Ademais de exerceren eficazmente como postos do control administrativo, fiscal, político e social das entradas e saídas da cidade, os dous baluartes foron escenario das loitas entre o señor feudal (o arcebispo) e os burgueses de Compostela.

A fortaleza da Rocha e a muralla son espazos privilexiados para contar a historia da cidade durante a Idade Media, e por esa razón o Concello de Santiago de Compostela oferta este servizo gratuíto de visitas guiadas aos dous lugares, a muralla e o castelo. As visitas, divulgativas e didácticas, están dirixidas a cidadáns e colectivos.

Que se pode visitar?

Dependendo das historias que se queiran escoitar, pódese elixir entre 3 programas de visita diferente:

  • Visita á muralla da cidade.
  • Visita ao castelo da Rocha Forte.
  • Visita combinada ás fortificacións de Santiago: a muralla da cidade e o castelo da Rocha Forte.

Quen pode asistir?

As visitas están abertas ao público en xeral e a colectivos (colexios, asociacións, etc.). Ofrecemos calendarios de visitas específicos para cada un destes grupos.

Cando?

1. Para centros de ensino, colectivos e asociacións

As visitas escolares realizaranse entre os meses de xuño a novembro de 2017, os dous incluídos. As visitas terán lugar os martes (todos os meses) e os mércores (só os meses de xuño, outubro e novembro).

  • Visita á muralla da cidade. Os martes ás 10 (2 horas de visita)
  • Visita ao castelo da Rocha Forte. Os martes ás 12:30 (1 hora e media de visita)
  • Visita combinada ás fortificacións. Os mércores ás 10 (3 horas e media de visita)

Os grupos non poderán exceder de 50 persoas. O horario é a referencia, pero poderanse acomodar lixeiramente as visitas ás necesidades dos grupos se fose necesario. Calquera cambio deberá acordarse co servizo de visitas no teléfono 685860773 (ás mañás) ou por correo electrónico.

2. Para público en xeral

As visitas individuais realizaranse entre o 27 de maio e o 26 de novembro, en horario de fin de semana.

  • Visita á muralla da cidade. Os sábados ás 5 (2 horas de visita).
  • Visita ao castelo da Rocha Forte. Os sábados ás 6 (1 hora e media de visita). A partir de outubro as visitas comezarán ás 4.
  • Visita combinada ás fortificacións. Os domingos ás 10 (3 horas e media de visita).

O punto de encontro para a visita ás murallas e a visita combinada é a Porta de San Roque. Para as visitas ao castelo, a entrada ao castelo.

Os grupos de visita terán como moito 25 persoas (15 na visita combinada). As persoas que queiran visitar o castelo os sábados terán que ir pola súa conta. Na visita combinada o concello facilitará transporte desde as murallas ao castelo e volta.

Como inscribirse?

A inscrición é de balde e pode formalizarse na web.

Os centros de ensino, colectivos e asociacións, ademais de na web poderán inscribirse por teléfono no 685860773.

Para calquera información complementaria, pódese acudir á Oficina da Cidade histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago (horario de 9:00 a 14:00 horas), Rúa do Preguntoiro 1, 15704 Santiago.

E se non podo asistir?

Se non podes asistir á visita na que te inscribiches, agradecerémosche que nos avises no 685860773 para que outra persoa poida aproveitar a visita.

Algo non funciona ben?