A figura de Xoán Arias, de orixe galega, está estreitamente vencellada a unha intensa actividade edilicia ao redor da catedral románica de Santiago. Mandou construír o claustro e un novo pazo arcebispal, edificios que completan o conxunto xunto coa basílica. Ademais, colaborou coa burguesía compostelana na construción dunha nova cabeceira para a catedral, en estilo gótico, que supuña un significativo agrandamento desta.
Parece ser tamén o creador do castelo da Rocha ou, cando menos, da primeira arquitectura deste, ao definir a localización e disposición da fortaleza. Non podemos precisar a pegada que deixou na súa arquitectura, xa que sufriu moitos cambios nos dous séculos seguintes.
Destacou tamén o seu labor na administración da diócese. Na cidade mantivo unha relación tensa (pero sostible) coa burguesía, que se foi deteriorando cara a fin do seu mandato.