Nomeado arcebispo para a sé compostelá polo Papa Xoán XXII, Berenguel de Landoira xa era un persoeiro relevante na cristiandade europea polo seu papel como teólogo na disputa entre o Papa e a orde franciscana sobre a pobreza de Cristo, e pola súa participación no Concilio de Vienne (1311-1312), onde se decidiu a supresión da Orde dos Templarios.
Berenguel chega a Galicia en 1317, con asesores e tropas propias, coas que imporá o seu poder e levará a cabo grandes modificacións na administración militar do seu feudo: o señorío de Santiago de Compostela.
A súa chegada á cidade non foi ben recibida e deu orixe a numerosas revoltas urbanas.